CRÓNICA #OKLiga (J17) | Derrota más que digna en Barcelona (3-1)

CRÓNICA #OKLiga (J17) | Derrota más que digna en Barcelona (3-1)

9 de febreiro de 2025


Imaxe: F.C. BARCELONA.

O Liceo cae ante o acerto local na bóla parada, aínda que loitou ata o final durante 50 minutos de gran esforzo.

Que o Liceo marchase sen puntos de Barcelona non debe empañar o gran esforzo realizado. O Palau Blaugrana presenciou unha vitoria do seu equipo pero tamén unha boa mostra do espírito loitador dos de Juan Copa, que a pesar do tropezo continúan na segunda posición da OK Liga.

Todo tras uns primeiros 25 minutos de espectáculo que, por algún motivo, quedaron sen goles para ninguén. Incomprensible se non se tivese en conta que o gran estado de forma de Martí Serra durou un pouco máis, a pesar de que finalmente se rompese a súa serie de imbatibilidade. Inaugurou o catálogo da súa trintena de paradas neutralizando a Ferran Font, Barroso e Álvarez; para posteriormente evitar unha directa do primeiro. Unha que veu tras unha rigorosa tarxeta azul para Jacobo Copa, presunto autor dun derrubo sobre o culé Marc Grau.

Os paus tamén xogan

Co número 10 do Liceo tamén formaron alianza os tres paus. Un deles detivo un disparo novamente de Ferran Font durante a superioridade do Barça, e recén terminada o outro fixo o mesmo con Grau. Os defendidos por Carles, meta local, sentiron envidia e tamén desviaron un bo remate de Jaco.

O barcelonista Pablo Álvarez foi o encargado de desnivelar o partido. Imaxe: F.C. BARCELONA.

A oportunidade máis importante para os muchachos de Juan Copa orixinouse precisamente no dorsal 7. Provocou intelixentemente unha azul para Eloi Cervera, aínda que Arnau Xaus se atopou co gardián blaugrana na falta directa. O power play tampouco foi fructífero. Ese, xunto a un disparo de Nil e dúas boas accións de Dava Torres, conformaron os intentos máis destacados dos galegos.

Decidiu o acerto na bóla parada

Os sosténs das redes seguiron co seu protagonismo tamén no segundo acto. Ás súas vítimas sumáronse Sergi Aragonès e Nil Cervera antes de que Arnau Xaus, esta vez, si se atopara co corpo do porteiro na súa ocasión máis clara do partido.

A pesar dos goles recibidos, Martí Serra completou outro gran partido cunha trintena de intervencións

A dinámica rompeuna finalmente Pablo Álvarez, que cun disparo potente e escorado atopou a rede de Martí Serra. Abriu a lata, pero os liceístas só tardaron dous minutos en empatar: logrouno Fabri Ciocale ó rematar un gran envío de Dava desde a esquerda.

A partir de aquí, con dez minutos trepidantes por diante, o guión balanceouse por un detalle: o acerto na bóla parada. Entre décimas e azuis, César e Nil non anotaron as que si transformaron Pablo Álvarez e Ferran Font (3-1). Nada que empañase o esforzo colectivo do equipo. A próxima parada para Juan Copa e os seus xogadores será en Riazor fronte ó Igualada (domingo 16, 12:00h).

FICHA TÉCNICA

BARÇA: Carles Grau; Pablo Álvarez, Ferran Font, Xavi Barroso, Sergi Aragonès (quinteto inicial), Matías Pascual, Marc Grau, Sergi Llorca, Eloi Cervera e Sergi Fernández (meta suplente).

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra, Tato Ferruccio e Martín Rodríguez (meta suplente).

ÁRBITROS: Miguel Díaz Cosme e Luis Mier Sánchez. Mostraron tarxeta azul ós locais Eloi Cervera e Marc Grau. Tamén a viron os liceístas Jacobo Copa e Tato Ferruccio.

GOLES: 1-0 (Pablo Álvarez, min. 38). 1-1 (Fabri Ciocale, min. 40). 2-1 (Pablo Álvarez, min. 44). 3-1 (Ferran Font, min. 49).

INCIDENCIAS: Xornada 17 da OK Liga 24/25, Fase Regular. Palau Blaugrana (Barcelona).

Deixa un comentario