4 de xaneiro de 2026
O Liceo finaliza esta etapa inicial con 32 puntos de 39 posibles e será cabeza de serie no sorteo da Copa.
Fin con estilo á primeira volta dun Liceo oficialmente cabeza de serie para a próxima Copa do Rei, grazas á suma de 32 puntos sobre 39 posibles e á súa terceira praza. Todo iso determinou o trepidante triunfo logrado na pista do Alcoi, un Francisco Laporta que viviu unha primeira metade de tolemia.
Aínda que os valencianos se adiantaron ós tres minutos de comezar o encontro grazas a Gonzalo Pérez, a resposta dos liceístas non puido ser mellor. En só sete máis, o marcador pasou dese 1-0 parcial a un 1-3 que levaba o triunfo a Galicia. Igualmente os locais, dirixidos por Lorenzo Pastor, non baixaron os brazos en ningún momento. Acurtaron distancias ata en dúas ocasións antes do descanso, pero cada unha das súas dianas era respondida por outra do Liceo. Unha tolemia que acabou co 3-5 do entretempo, resultado á postre definitivo.
Xestión do conseguido
Comezou entón unha parte adicada máis ó saber traballar co logrado nos primeiros 25 minutos de hockey. As estatísticas só se movían en canto a faltas, que xustamente terminarían nun empate de 10 contra 10. Iso implicou que tanto Alcoi como Liceo dispuxeron cada un dunha directa, pero nin Ceschin nin Xaus cambiaron o electrónico que deixou de herencia o acto inicial.
O hockey regresará o xoves 8 coa visita do Bassano a Riazor
Final, triunfo e a mente dos verdibrancos posta no regreso da WSE Champions League: será este xoves día 8 en Riazor ante o Bassano italiano (20:30h, xornada 4). A OK Liga, pola súa parte, volverá o domingo 11 ás 12:30h na pista do SHUM.
FICHA TÉCNICA
ALCOI: Marc Grau; Joan Pascual, Iago Vázquez, Gonzalo Pérez, Franco Ceschin (quinteto inicial), Álvaro Hernández, Agustín Domínguez, Biel Autet, Manel Hernández e Nico Jordá (meta suplente).
LICEO: Blai Roca; Nil Cervera, César Carballeira, Dava Torres, Bruno Saavedra (quinteto inicial), Arnau Xaus, Jacobo Copa, Nuno Paiva, Toni Pérez e Martín Rodríguez (meta suplente).
ÁRBITROS: Oriol Escobar e David Calonge. Mostraron tarxeta azul ó liceísta Bruno Saavedra.
GOLES: 1-0 (Gonzalo Pérez, min. 3). 1-1 (César Carballeira, min. 7). 1-2 (Toni Pérez, min. 8). 1-3 (Dava Torres, min. 10). 2-3 (Manel Hernández, min. 19). 2-4 (César Carballeira, min. 22). 3-4 (Joan Pascual, min. 25). 3-5 (César Carballeira de penalti, min. 25).
RECINTO E INCIDENCIAS: OK Liga 25/26, Xornada 13 da Fase Regular, última da primeira volta. Polideportivo Francisco Laporta (Alcoi).

