16 de xaneiro de 2026
O Liceo, inmerso nun triple empate pola primeira praza, xogará o primeiro partido ligueiro como local de 2026 (sábado 17, 19:00h).
A OK Liga é agora mesmo un sinónimo de emoción e só hai que ver a súa zona nobre para darse conta do porqué. Dentro dese triple empate a 35 puntos pola primeira posición está o Liceo de Juan Copa, actualmente terceiro por diferenza de goles pero cunha nova bala para distanciarse tanto de Igualada como de Barcelona. Iso supoñerá a visita a Riazor do Cerdanyola (sábado 17, 19:00h).
Inmersos xa na segunda volta da Fase Regular, eses tres equipos forman unha terna con bastante distancia con respecto ó inmediato perseguidor. Ese é o Calafell con oito puntos menos, e o quinto (Reus) xa conta cun déficit de trece.
Duelo previo a un choque de máximo nivel e a un parón
Dentro dos tres cadros dominadores da OK Liga está un Liceo que actualmente suma nada menos que sete vitorias consecutivas fronte a SHUM, Alcoi, Lleida, Caldes, Voltregà, Noia e Reus. Son un total de once triunfos, dous empates e unha derrota para asinar uns resultados ligueiros prácticamente inmellorables.



O xoves día 22, tralo mencionado choque ante o Cerdanyola, os liceístas deberán afrontar a esixencia de visitar Lisboa. Esa será a data na que se enfrontarán ó Benfica (WSE Champions League, 21:30h de España). Posteriormente, a fin de semana do 24 estará libre de competición. Esta volverá o sábado 31 coa 16º xornada de OK Liga, a disputar na casa do Hockey Rivas (17:00h).
Baixa de Toni Pérez
Aínda que Juan Copa segue sen contar con lesionados, non poderá xogar Toni Pérez por acumulación de cartóns azuis. Polo tanto, os homes a disposición de xogar serán os seguintes:
- Martín Rodríguez – Porteiro, dorsal 1
- Blai Roca – Porteiro, 20
- Nil Cervera – 2 – 7 goles
- Arnau Xaus – 3 – 8 goles
- César Carballeira – 5 – 10 goles
- Jacobo Copa – 7
- Dava Torres – Capitán, 8 – 7 goles
- Nuno Paiva – 11 – 6 goles
- Bruno Saavedra – 13 – 7 goles
- Fran Torres – 44
Un Cerdanyola na loita pola supervivencia
Non é unha situación fácil para o equipo de Diego Mir clasificatoriamente falando, pero a vitoria lograda entre semana fronte ó Sant Just (rival directo) otorga un balón de osíxeno moi importante na súa loita por evitar o descenso. Foi un 3-1 con dobrete do exliceísta Marc Coy, aínda que no Pazo deberá facer fronte a un desgaste físico co que non contará o Liceo.
Actualmente o Cerdanyola ocupa a última praza de salvación con 13 puntos. Son catro triunfos, un empate e nove derrotas. Unha delas foi precisamente ante os verdibrancos na primeira volta: 2-5 con triplete de César Carballeira.

