Confirmados os amistosos da Pretempada 2024

22 de agosto de 2024


Esta fase de preparación contará con ata catro partidos, sendo tres deles en Portugal e un na Coruña.

A Pretempada 2024 xa está en marcha cos seus primeiros amistosos confirmados. O Liceo, dirixido un ano máis por Juan Copa e o seu corpo técnico, disputará un total de catro partidos de preparación ó longo do mes de setembro: tres en Portugal e un na Coruña.

Os primeiros disputaranse o 18, o 19 e o 20 en terras lusas para continuar coa tradicional xira polo territorio. Os rivais serán, respectivamente, o Barcelos, o Oliveirense e o Porto nas súas propias pistas. Tódolos encontros xogaranse ás 20:00h de Portugal, ou o que é o mesmo, ás 21:00h de España.

A tradicional xira portuguesa celebrarase o 18, o 19 e o 20 de setembro

Unha vez completada a estancia no país veciño aparecerá o partido de presentación no Pazo dos Deportes de Riazor. Terá lugar o 28 de setembro ante o Riba d’Ave e con horario todavía por confirmar.

Tras este último amistoso, a expedición do Deportivo Liceo xa preparará ó 100% a previa da Supercopa de España que se disputará na Coruña. As semifinais, tal e como se coñeceu durante o mes de xullo, terán ó Barcelona como rival (5 de outubro). Unha semana despois dará comezo a OK Liga 24/25.