14 de outubro de 2025
O Liceo xogará este martes ás 20:00h no Palau Blaugrana, a casa do Barça.
O sábado regresará a Riazor para recibir ó Calafell (19:00h).
As 20:00h do martes terán como prato principal todo un Clásico. Será o momento no que o Barça e o Liceo sairán á pista do Palau Blaugrana, recinto que verá o primeiro duelo entre ambos da presente OK Liga. Cae na quinta xornada e entre semana, dentro dunha que para os de Juan Copa será realmente esixente: o sábado 18 volverán a Riazor para xogar contra o Calafell.
O do Palau estará retransmitido por OK LIGA TV en directo, á vez que dirixido no parqué polos árbitros Luis Mier e Raúl Burgos.
Xornada intersemanal de máxima esixencia
Este duelo entre cataláns e galegos será a estrela da data intersemanal, a cuarta en total desta Fase Regular. O Liceo chegará a ela en bo momento, con dous triunfos seguidos acumulados (Cerdanyola e Rivas) e sete puntos sumados sobre nove posibles. Ocupa a segunda praza, sendo a terceira para o equipo dirixido por Ricardo Ares; aínda que os culés só puideron disputar ata o momento dous encontros.



Como se apuntou anteriormente, a resaca verdibranca do Clásico deberá ser breve pase o que pase. O sábado 18 celebrarase outro partido, esta vez en Riazor e ante o Calafell (19:00h). Será a xornada quinta da Fase, que durará un total de 26.
Os mesmos homes que venceron ó Rivas e ó Cerdanyola
Juan Copa contará para este Clásico coa mesma expedición que acumulou as dúas vitorias consecutivas. Continúa a baixa do arxentino Fran Torres, xa coa alta médica pero todavía en fase de reincorporación á dinámica do equipo.
Fran Torres continuará de baixa
Polo tanto, os dez xogadores que viaxarán a Barcelona serán os seguintes:
- Martín Rodríguez – Porteiro, dorsal 1
- Blai Roca – Porteiro, 20
- Nil Cervera – 2 – 2 goles
- Arnau Xaus – 3 – 2 goles
- César Carballeira – 5 – 4 goles
- Jacobo Copa – 7
- Dava Torres – Capitán, 8 – 1 gol
- Nuno Paiva – 11
- Bruno Saavedra – 13 – 3 goles
- Toni Pérez – 57 – 2 goles
Un Barça coa baixa de Marc Grau
O conxunto de Ricardo Ares deberá afrontar neste Clásico dous obstáculos importantes. Para empezar, a baixa do exliceísta Marc Grau; ademais da alta carga de encontros que os culés disputaron nas últimas datas. Isto débese ó recente Mundial de Clubes que concluíron como finalistas.
Na competición doméstica, con dous partidos disputados, suman dous triunfos ante Igualada (1-4) e Sant Just (0-4).

