CRÓNICA #WSECL (X2) | Un minuto fatal derrota ó Liceo en Barcelos (3-1)

CRÓNICA #WSECL (X2) | Un minuto fatal derrota ó Liceo en Barcelos (3-1)

20 de novembro de 2025


Os verdibrancos caen no Municipal luso a pesar do seu bo partido e de adiantarse no marcador.

A primeira proba de Champions como visitante non acabou con final feliz para o Liceo, que caeu fronte ó Barcelos no seu Municipal para colocarse na cuarta praza do Grupo B. Unha que, sen embargo, todavía ofrecería a clasificación; tendo tres puntos de vantaxe con Oliveirense e Bassano (quinto e sexto).

No mencionado feudo portugués viuse o guion esperado pola maioría para esta segunda data de Fase: un ida e volta protagonizado por dous grandes equipos. No Liceo, onde hoxe regresaban Bruno Saavedra e Martín Rodríguez, destacou un Blai Roca sólido que detivo tódolos intentos iniciais dos locais. O mesmo fixo o catalán Guillem Torrents nos paus do Barcelos, actual campión da competición.

Os goles terminaron por chegar

Así foi. E o primeiro tivo cor verdibranca, posto que Nil Cervera sacou un disparo colosal cando o marcador indicaba o minuto número 15 de xogo. O portador do dorsal 2 avanzou con potencia polo costado dereito e inventou unha definición imparable ó pau longo de Torrents, que non puido facer nada.

Imaxe: OC BARCELOS.

Lamentablemente para os intereses coruñeses, Miguel Rocha empatou (1-1) cando só quedaban segundos para o descanso. Dentro da pouca fortuna, tampouco axudaron as circunstancias: a diana chegou tras varios rebotes na área visitante. A primeira das malas novas que terminarían por chegar.

Unha segunda parte desafortunada

Blai Roca luciuse outra vez no segundo acto xusto no momento no que o Barcelos dispuxo da súa primeira oportunidade de remontada. Ocorreu nun penalti no que venceu ó lanzador Rocha. Non fallaron sen embargo os vixentes campións continentais entre os minutos 35 e 36, lapso que condenou ós de Juan Copa.

Primeiro Vieirinha e logo Pedro Silva encargáronse non só de darlle a volta ó resultado, senón tamén de facer distancia (3-1). Unha que acabou por ser insalvable para un Liceo, que a pesar de todo, non parou de intentalo.

Agora disporá de 10 días de recuperación ata o seguinte compromiso: a visita a Riazor do Voltregà, correspondente a unha nova xornada de OK Liga (sábado 29, 19:00h).

FICHA TÉCNICA

BARCELOS: Guillem Torrents; Carlitos Ramos, Miguel Vieira, Miguel Rocha, Iván Morales (quinteto inicial), João Chaves, Pedro Silva, Kyllian Gil, Tato Ferruccio e Luis Belchior (meta suplente).

LICEO: Blai Roca; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Jacobo Copa, Nuno Paiva, Bruno Saavedra, Toni Pérez e Martín Rodríguez (meta suplente).

ÁRBITROS: Louis Anthony Hyde e Ulderico Barbarisi. Expulsaron ó liceísta Bruno Saavedra con cartón vermello, previo azul. Tamén ensinaron o azul a Iván Morales (Barcelos) e o amarelo ó liceísta Nil Cervera.

GOLES: 0-1 (Nil Cervera, min. 15). 1-1 (Miguel Rocha, min. 25). 2-1 (Miguel Vieira, min. 34). 3-1 (Pedro Silva, min. 35).

RECINTO E INCIDENCIAS: WSE Champions League 25/26, Xornada 2 da Fase de Grupos. Municipal de Barcelos (Portugal).