O Liceo estrea a súa OK Liga particular ante o SHUM

O Liceo estrea a súa OK Liga particular ante o SHUM

26 de setembro de 2025


Este sábado ás 19:00h volverá a máxima competición nacional a Riazor coa xornada inicial da súa Fase Regular.

Chega o momento da OK Liga, a competición máis importante do hockey nacional, novamente co Liceo como un dos seus 14 aspirantes. Este sábado 27 ás 19:00h, con Riazor como testemuña, comezará a Fase Regular dos verdibrancos e unha viaxe que durará como mínimo oito meses.

O primeiro rival para o cadro de Juan Copa será o SHUM, recén ascendido que viaxará a Galicia co obxectivo de sacar algo positivo do Pazo dos Deportes. Esta primeira xornada estará dirixida por Erik Rivas Martín e Jorge Carmena Ortega, con Carlos Chouciño Fernández como árbitro auxiliar.

26 xornadas e un playoff

O formato da edición ligueira 25/26 será o mesmo que os anteriores. Constará inicialmente da mencionada Fase Regular, que durante 26 xornadas e oito meses enfrontará a todos contra todos. Os oito primeiros clasificados unha vez remate a primeira volta gañaranse a clasificación para a Copa do Rei. Se o anfitrión da mesma estivera máis abaixo, serían os sete primeiros máis el.

Por outro lado, os que queden nas mesmas posicións terminados os 26 duelos axenciaranse o dereito de participar no playoff polo título. Este constará duns Cuartos de Final, unhas Semifinais e unhas Finais; todas ó mellor de tres ou cinco encontros e con factor pista para os mellores clasificados durante a Fase Regular.

Dúas baixas e un substituto

Juan Copa deberá afrontar a primeira parada deste sector coas baixas do atacante Fran Torres (que regresará en poucas semanas) e Martín Rodríguez, porteiro que será reemprazado polo canteirán Iago Fouz ‘Pulpi’, membro do filial de OK Bronce. Así as cousas, o grupo que loitará polos tres puntos no parqué de Riazor estará composto polos seguintes xogadores:

  • Blai Roca – Porteiro, dorsal 20
  • Iago Fouz ‘Pulpi’ – Porteiro, 33
  • Nil Cervera – 2
  • Arnau Xaus – 3
  • César Carballeira – 5
  • Jacobo Copa – 7
  • Dava Torres – Capitán, 8
  • Nuno Paiva – 11
  • Bruno Saavedra – 13
  • Toni Pérez – 57

Un SHUM recén ascendido

Na Coruña estará o SHUM de Maçanet, que durante o curso 24/25 logrou o ascenso á máxima categoría co exliceísta Jordi Adroher como estrela. Co Mago xa retirado da práctica profesional, o conxunto liderado por Jordi García Altarriba buscará manter a categoría adquirida fai poucos meses.

Àlex Grau, con experiencia contrastada en OK Liga, é unha das incorporacións visitantes para este curso. Imaxe: SHUM.

Os homes que chegarán a Galicia serán os seguintes:

  • Álex Rovira – Porteiro, dorsal 1
  • Jordi Pons – Porteiro, 10
  • Aleix Domenech – 2
  • Àlex Grau – 3
  • Joan Picart – 5
  • Sergi Pujol – 6
  • Xavier Gurri – 7
  • Roger Presas – 9
  • Gerard Oviedo – 19
  • Josep Hernández – Capitán, 91

Deixa un comentario