2 de febreiro de 2025
Bruno Saavedra anotou dous dos cinco goles do equipo. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
Un novo partidazo do equipo de Juan Copa dalle os tres puntos na visita do Vic a Riazor.
A esixencia do calendario non lle para os pés a un Liceo enrachado e seguro. Os rapaces de Juan Copa lograron outra vitoria contundente na visita do Vic, un equipo que fora capaz de gañar no duelo da primeira volta. Non foi isto o que ocorreu na segunda, que trala súa finalización mantén ós verdibrancos na segunda posición da OK Liga e con 36 puntos.
Os liceístas saíron a patinar menos de tres días despois da última vez. O xoves venceron en Champions ó Valongo, un esforzo físico que apenas se notou o domingo. Coa alta do Tato Ferruccio tras case dous meses de pubalxia, Arnau Xaus xa golpeou na mesa ós tres minutos de xogo. O 1-0, de disparo raso cruzado, aumentou os seus xa destacables números. Todo dentro dun preludio do que ocorrería nos 50, e é que os locais foron claramente superiores.
Eficacia e máis solidez
As oportunidades claras para os de Copa foron numerosas e o aumento da vantaxe só era cuestión de tempo. Confirmouno Bruno Saavedra cando rematou á rede unha gran xogada individual de César pola dereita (2-0, minuto 10). Ó 13, ademáis, anuláronlle outra diana por rematar co stick a demasiada altura.



Jaco uniuse á festa pouco despois cunha delicatessen. Aínda que marcado férreamente polo seu defensor, o diamante en bruto inventou unha manobra para confundilo e superar ó porteiro Puigbí. Ninguén se decatou do que pasaba ata que a bóla acariciou a rede. Bocina e descanso con autoridade ofensiva e defensiva, destacando nesta última un Martí Serra que acumulou o seu cuarto encontro sen recibir gol algún.
Un dominio total
Os últimos 25 minutos duraron pouco co 3-0. O cuarto gol do Liceo chegou inmediatamente despois de regresar á pista, obra de novo de Saavedra. O Vic, xa sentenciado, continuou coa súa intención de xerar problemas á defensa local, aínda que con pouco éxito. As ocasións non cambiaron de cor e o quinto tanto do partido foi de Dava Torres: atopouse man a man con Puigbí, picou a bóla e axustizou (5-0, minuto 35). Tato, no seu regreso, non alcanzou o sexto por culpa do longueiro.
Final e alegría para os presentes, que volverán ver ó Liceo en Riazor o vindeiro xoves. De novo en Champions e coa visita do Dinan Quévert francés, coa clasificación para Cuartos ó alcance (xoves 6, 20:30h).


FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra, Tato Ferruccio e Martín Rodríguez (meta suplente).
VIC: Xavi Puigbí; Oriol Vives, Gerard Rovira, Oriol Ramírez, Carles Sánchez (quinteto inicial), Albert Benito, Arnau Parcerisas, Roger Font, Víctor Crespo e Ernest Burgaya (meta suplente).
ÁRBITROS: Rubén Fernández García e Lorenzo Bosch Sande. Sen tarxetas.
GOLES: 1-0 (Arnau Xaus, min. 3). 2-0 (Bruno Saavedra, min. 10). 3-0 (Jacobo Copa, min. 17). 4-0 (Bruno Saavedra, min. 27). 5-0 (Dava Torres, min. 35).
INCIDENCIAS: Xornada 16 da OK Liga 24/25, Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

