CRÓNICA #OKLiga (X15) | Gran triunfo e maior esforzo (1-0)

CRÓNICA #OKLiga (X15) | Gran triunfo e maior esforzo (1-0)

26 de xaneiro de 2025


Fabri, Jaco e Dava celebran o tanto decisivo do primeiro. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Un gol do arxentino e un espectacular traballo colectivo danlle a vitoria ó Liceo na visita do Lleida.

Tres puntos de gran mérito para continuar coa dinámica positiva na OK Liga. A visita do Lleida a Riazor non foi sinxela, pero acabou da mellor forma: cunha nova vitoria que asenta aínda máis ós de Juan Copa na segunda posición. Son 33 unidades antes de afrontar unha semana con moitos compromisos: ata dous máis o xoves e o domingo, aínda que ambos na casa.

Este non foi doado en ningún momento. O Lleida de Edu Amat xa rozou o 0-1 cun penalti cometido sobre Jordi Badia, sendo o executor un Nuno Paiva que non logrou superar a Martí. O porteiro liceísta, ademáis, mantívose outra vez a cero. Como en Alcoi. Por outro lado, a máis clara da primeira metade foi para o pichichi Arnau Xaus cando atopou o pau dereito da portería defendida por Martí Zapater.

Integrantes da Base recibiron ó equipo na súa entrada á pista. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Decidiu Fabri

Polo menos foi así ata que Fabri transformou o primeiro e único gol do partido. Roubou en pista propia, asociouse cos seus compañeiros, volveu recibir na banda dereita e asestou un disparo letal para Martí Zapater. A bóla entrou pola súa escadra longa. Dava intentou posteriormente buscar o segundo con insistencia, pero ó final o descanso chegou co marcador que mandaba e mandaría.

Resistencia constante

Os toques de Dava á rede do porteiro rival non pararon unha vez os dez xogadores volveron á pista. A eses intentos uniuse tamén Jacobo Copa, que cunha gran acción individual puxo a proba ó gardián dos cataláns. Pechou o grupo ameazante Xaus, que non foi quen de transformar a directa que encarrilaría o encontro.

O momento do Lleida tamén chegou. Unha azul vista por Jaco mandou a Nico Ojeda ó mesmo punto que Xaus, pero Martí volveu facerse enorme. Só quedaba probar cos cinco de pista e os de Copa tamén resistiron. Final e tres puntos. Agora, mente posta no Valongo (xoves, 20:30h, Champions).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Fabri Ciocale, Jacobo Copa, Bruno Saavedra, Jaime Méndez e Martín Rodríguez (meta suplente).

LLEIDA: Martí Zapater; Antonio Miguélez, Fran Torres, Nico Ojeda, Jordi Badia (quinteto inicial), Nuno Paiva, Darío Giménez, Sebas Moncusí, Sergi Duch e Javi Sánchez (meta suplente).

ÁRBITROS: Jonathan Sánchez García e Luis Mier Sánchez. Mostraron a tarxeta azul ó local Jacobo Copa e ó visitante Nuno Paiva.

GOLES: 1-0 (Fabri Ciocale, min. 10).

INCIDENCIAS: Xornada 15 da OK Liga 24/25, Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario