CRÓNICA WSE CHAMPIONS LEAGUE (Fase de Grupos, X4) | Un punto trepidante (4-4)

CRÓNICA WSE CHAMPIONS LEAGUE (Fase de Grupos, X4) | Un punto trepidante (4-4)

Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

A emoción trocou en hockey dentro do Pazo dos Deportes da Coruña. Alí empataron Liceo e Calafell na cuarta xornada da WSE Champions League. O seu Grupo A deixa agora mesmo como segundos clasificados ós homes de Juan Copa grazas á derrota do Oliveirense (4) fronte ó líder Benfica (10).

Cálculos aparte, e a pesar do que ocorreu despois, o partido non puido empezar mellor. Ós dous minutos o marcador xa estaba pintado de verdibranco grazas a Dava Torres e un remate pouco ortodoxo. Pase de Pol Manrubia e gol para adiantar ó equipo á vez que espertar o delirio dunhas gradas cheas de liceístas.

No quinto minuto de xogo, Joan Escala viu ademáis un cartón azul que aumentou o susto do Calafell. Sen embargo, Gerard Camps detivo a directa de Rodríguez e tanto el como os seus compañeiros sobreviviron ó power play.

Un segundo a priori chave

O Deportivo Liceo continuou dominando o perigo e demostrouno con dúas ocasións claras de Pol Manrubia e Arnau Canal. Incluso superou un cartón azul a este último. A falta directa de Martí Casas foi atallada por Serra, do mesmo nome, e a inferioridade temporal non causou danos.

Àlex Rodríguez foi chave unha vez máis con dous goles importantes. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

De feito, o descanso chegou con outra gran nova: o gol de Àlex Rodríguez a falta dun só segundo (2-0). Culminou unha contra excelente de todo o equipo e abonouse a marcar nos momentos críticos. Non sería a derradeira vez que o faría durante o encontro.

Unha segunda metade emocionante

A verdadeira emoción chegou nos 25 minutos restantes. Os coruñeses foron capaces de manexar durante dez o golpe moral provocado polo 2-0 e incluso tiveron na man o terceiro tanto. Unha contra de dous para un rematou en nada e, desafortunadamente, o Calafell acurtou distancias xusto despois. Fíxoo Martí Casas, o home gol dos cataláns.

A xogada animou aínda máis ó combativo conxunto de Ferran López, que logrou empatar inmediatamente. Rexeite tras rexeite, Jordi Ferrer plantouse ante Martí e superouno (minuto 38). Sen tempo para reaccionar, unha acción similar rematou no 3-2 de Dava Torres para delirio dos presentes (minuto 39). O partido rompíase.

Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Restaban cinco minutos cando se desatou a tolemia definitiva. Primeiro empatou Humberto Mendes para o Calafell (46’) tras pase da morte e, segundos despois, remontou Arnau Xaus. Sería un golpe mortal se o contendente non fora o Liceo. Juan Copa e os seus xogadores loitaron ata o final, intentáronno con cinco homes de pista e materializaron as boas novas. Àlex Rodríguez, como na primeira metade, marcou (4-4). Esta vez cando o marcador mostraba 12 segundos. Un disparo lonxano que rescatou un importante punto.

Pouco poderá descansar agora o Liceo, xa que en menos de 48 horas regresará outra vez a OK Liga. Este maratón constante de hockey terá a súa vindeira parada de novo en Riazor ante o Alcoi (sábado, 18:30h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; César Carballeira, Pol Manrubia, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Bruno Di Benedetto, Fabri Ciocale, Arnau Canal, Fran Torres e Mati Bridge (meta suplente).

CALAFELL: Gerard Camps; Arnau Xaus, Joan Escala, Martí Casas, Sergi Miras (quinteto inicial), Oriol Palau, Jordi Ferrer, Humberto Mendes, Curro Fernández e Jordi Martínez (meta suplente).

ÁRBITROS: Rui Torres e Pedro Figueiredo (Portugal). Mostraron cartón azul a Arnau Canal e a Fabri Ciocale por parte do Deportivo Liceo. No Calafell víronna Joan Escala e Humberto Mendes.

GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 2). 2-0 (Àlex Rodríguez, min. 25). 2-1 (Martí Casas, min. 36). 2-2 (Jordi Ferrer, min. 38). 3-2 (Dava Torres, min. 39). 3-3 (Humberto Mendes, min. 46). 3-4 (Arnau Xaus, min. 47). 4-4 (Àlex Rodríguez, min. 50).

WSE Champions League 2023, Fase de Grupos, Xornada 4. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario