Rematou o parón. A OK Liga volverá a ser o tema de conversación desde este mércores, día no que o Deportivo Liceo de Juan Copa disputará un dos grandes partidos da competición: a visita do Barça (20:00h, Pazo dos Deportes de Riazor). Unha proba de máximo nivel para regresar á dura defensa do título.
Estará en xogo, ademáis, a hexemonía da táboa. O conxunto de Edu Castro chegará á Coruña como o actual ocupante do primeiro posto (18 puntos) nesta fase regular, aínda que o Liceo (15) ten na súa man alcanzalo.
Os verdibrancos tamén terán na súa mente o continuar a boa racha de cinco triunfos en seis encontros, refrendados antes do parón cunha gran vitoria como local fronte ó rocoso Reus Deportiu.
Vén ademáis unha carga importante de partidos nesta OK Liga. Serán ata cinco os que o Deportivo Liceo terá que disputar ata a pausa navideña do 17 de decembro: os duelos ante o propio Barça en xornada intersemanal, o Alcoi (sábado 26), o Calafell, o Igualada, o Caldes e o Vilafranca.
Todos dispoñibles na volta a Riazor
O técnico Juan Copa poderá contar coa totalidade do seu plantel para este importante partido. Iso inclúe ós mundialistas Dava Torres, Mati Bridge (campión con Arxentina) e Bruno Di Benedetto (medallista de bronce con Francia). Fran Torres, que logrou o título sub-19, será o descarte.
Os mundialistas Dava Torres, Mati Bridge e Bruno Di Benedetto volverán a estar ó mando de Juan Copa
Así pois, o Deportivo Liceo buscará vencer con Martí Serra, César Carballeira, Pol Manrubia, Àlex Rodríguez, Sito Ricart, Arnau Canal, Fabri Ciocale e os mencionados Torres, Di Benedetto e Bridge.
Un líder con baixas importantes e varios ex
Se hai unha mala nova para o Barça froito dos World Roller Games, esa é sen dúbida a grave lesión de Matías Pascual. O xogador arxentino será baixa de longa duración, aínda que o potencial dos culés segue sendo extraordinario.
Tan só hai que remitirse ós datos para confirmalo. Non só é o punteiro da OK Liga, senón que tamén é o conxunto máis goleador (37) e o menos goleado (5). Dianas moi repartidas pero con nomes destacados como João Rodrigues ou Pau Bargalló, un dos exliceístas cos que conta Edu Castro.
Entre eles hai que mencionar a Carles e Marc, os irmáns Grau, vixentes campións que o pasado verán fixeron as maletas con destino a Cataluña.
Día do Club e entradas
Ante a importancia do choque, o Liceo decidiu marcar a data como Día do Club. A continuación presentaremos os tres escenarios aplicables para todo aquel que queira asistir ó encontro.
Para empezar, haberá pases a cinco euros para os socios do Deportivo Liceo e os abonados provintes do convenio co Real Club Deportivo.
Poderán adquirirse de forma online a través da plataforma Cluber:
Unha vez no Pazo, o poseedor da entrada só deberá ensinar o código QR da mesma. Valerá tanto de forma dixital como impresa.
Pola súa parte, o público xeral contará con pases a un prezo de dez euros. O proceso de venda, a realizar no seguinte enlace, é o mesmo:
Como no caso anterior, deberase ensinar o código QR nas portas de Riazor.
Para rematar, os nenos e nenas que cumpran calquera das seguintes condicións poderán asistir ó choque de xeito gratuito, tal e como vén ocorrendo co resto de partidos de OK Liga e obedecendo á nova política do club:
- Ter 12 anos ou menos. En casos non tan evidentes, deberá acreditarse a idade mediante DNI.
- Estudar no Colexio Liceo La Paz, sexa cal sexa a idade. Tan só deberán acudir ó Pazo coa roupa do centro.
- Contar cunha ficha federativa de hockey sobre patíns que se deberá ensinar nas portas de entrada ó Pazo dos Deportes.