16 de abril de 2026
Os de Juan Copa suman un punto na pista do Oliveirense (2-2) e aseguran a súa presenza na fase final polo título.
Dita Final 8 celebrarase en Coimbra do 6 ó 10 de maio.
Sufrimento con final feliz para un Liceo que xa está entre os oito mellores equipos de Europa. No Pabillón Dr. Salvador Machado de Oliveira de Azeméis, os de Juan Copa soportaron as acometidas dun necesitado anfitrión para sumar un punto e terminar o Grupo B na cuarta posición. A Final 8 queda apuntada xa no radar liceísta, coas datas do 6 ó 10 de maio como gran obxectivo.
Arnau Xaus e Nil Cervera anotaron os decisivos goles do Liceo
Para nada foi fácil a misión dos verdibrancos, que na primeira parte acabaron con derrota parcial por 0-1. Foi culpa do local Souto ó aproveitar unha inferioridade numérica coruñesa. Xusto a mesma disciplina que non materializou o Liceo pouco antes, pero todavía quedaban 25 minutos onde podía pasar de todo. Bo e malo.
Unha directa e unha portería baleira para saldar o empate
Ese resultado non lle valía sen embargo ó Oliveirense, que para ter opcións debía gañar por máis dun gol. Ese segundo estivo a punto de chegar cun remate ó pau, pero o contraataque liceísta acabou coa décima infracción dos portugueses. Arnau Xaus agarrou a bóla e empatou na directa tras superar a Mendes (1-1). Corría o minuto 36.
O Liceo termina o Grupo B na cuarta posición con 14 puntos, os mesmos que Sporting e Barcelos (tamén clasificados)
Desafortunadamente, Marc Rouzé devolveulle o triunfo parcial ó Oliveirense tres despois. A vitoria do Barcelos ante o Sporting aseguraba que un posible 3-1 implicaría clasificación para os lusos, así que probaron ata con cinco de pista para buscar a heroica. Un risco que non deu froitos. Nil Cervera recuperou, avanzou e igualou a meta baleira para oficializar a alegría. Ese 3-1 foi un 2-2.
FICHA TÉCNICA
OLIVEIRENSE: Bernardo Mendes; Bruno Di Benedetto, Lucas Martínez, Joan Galbas, Franco Platero (quinteto inicial), Diogo Lemos, Nuno Santos, João Souto, Marc Rouzé e Pedro Bessa (meta suplente).
LICEO: Blai Roca; Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres, Nuno Paiva (quinteto inicial), Nil Cervera, Jacobo Copa, Fran Torres, Toni Pérez e Martín Rodríguez (meta suplente).
ÁRBITROS: Louis Hyde e Alfonso Rago. Mostraron tarxeta amarela ós locais João Souto e Lucas Martínez. Tamén viron a azul Bruno Di Benedetto no Oliveirense e César Carballeira no Liceo.
GOLES: 1-0 (João Souto, min. 25). 1-1 (Arnau Xaus, min. 36). 2-1 (Marc Rouzé, min. 39). 2-2 (Nil Cervera, min. 50).
RECINTO E INCIDENCIAS: WSE Champions League 25/26, Xornada 10 da Fase de Grupos. Pabillón Dr. Salvador Machado (Oliveira de Azeméis, Portugal).

