29 de marzo de 2026
O Liceo cae en Voltregà pero continúa líder a falta de tres partidos para o final da Fase Regular.
A segunda derrota da OK Liga chegou a 29 de marzo. Un gran indicativo da excelente temporada do Liceo, que esta fin de semana caeu en Voltregà pero que se mantén como líder da categoría. Son 53 puntos con dous de vantaxe con respecto ó segundo e nove por xogar.
Decidiron os ex
O primeiro en golpear foi o equipo verdibranco grazas á súa conexión coruñesa máis famosa: a formada por César Carballeira e Dava Torres. O segundo asistiu para que o primeiro, desde o costado dereito, superara ó meta Codony cun disparo cruzado. Un gol que obviamente non significaba nada definitivo, menos cando o Voltregà foi capaz de remontar en cuestión dun minuto. Foi por culpa de dous exliceístas: Jordi Burgaya e Àlex Rodríguez, encargados do 2-1 parcial que chegou ó descanso.
Os de Juan Copa adiantáronse primeiro no marcador, pero os exliceístas do Voltregà déronlle a volta ó partido
Se ben empatou o capitán Dava Torres, a mala fortuna (ata dous goles anulados) e o acerto local terminaron por decantar a acción do lado branquiazul. Àlex Rodríguez e Arnau Canal colocaron o 4-2 que finalmente sobreviviu ó marcador. Un pequeno accidente para o Liceo que para nada empaña un curso exemplar.
Ós de Juan Copa tocaralles agora un pequeno parón competitivo e regresarán a Riazor o 11 de abril, data na que recibirán ó Caldes.
FICHA TÉCNICA
VOLTREGÀ: Oriol Codony; Jordi Burgaya, Xavi Armengol, Àlex Rodríguez, Arnau Canal (quinteto inicial), Éric Vargas, Pol Anglada, Marc Jurado, Aleix Molas e Miquel Estrada (meta suplente).
LICEO: Blai Roca; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Jacobo Copa, Nuno Paiva, Bruno Saavedra, Fran Torres e Martín Rodríguez (meta suplente).
ÁRBITROS: Iván González e Oriol Garriga. Mostraron cartón amarelo a César Carballeira e azul a Bruno Saavedra por parte do Liceo.
GOLES: 0-1 (César Carballeira, min. 8). 1-1 (Jordi Burgaya, min. 17). 2-1 (Àlex Rodríguez de penalti, min. 18). 2-2 (Dava Torres, min. 36). 3-2 (Àlex Rodríguez, min. 45). 4-2 (Arnau Canal, min. 49).
RECINTO E INCIDENCIAS: OK Liga 25/26, Xornada 23 da Fase Regular. Pabelló Oliveras de la Riva (Sant Hipòlit de Voltregà).

