11 de abril de 2026
Unha gran segunda metade dos de Juan Copa serve para vencer ó Caldes e continuar no liderado.
As clasificacións non xogan e o Liceo sabíao perfectamente cando o Caldes empezou a patinar polo Pazo dos Deportes. Aínda que o partido enfrontaba ó primeiro contra o último, o equipo de Juan Copa ofreceu unha boa versión contra un rival combativo que, salvo decisións federativas, perdeu a categoría tralo asubío final. Quen non soltaron o liderado foron os verdibrancos, con 56 puntos a falta de seis por xogarse e unha vantaxe de dous con respecto ó segundo.
Correoso a pesar de ter a soga no pescozo, o Caldes non lle ofreceu ningunha facilidade ó seu anfitrión. O xogo foi realmente igualado durante o primeiro acto, gozando os de Edu Candami de dúas faltas directas que detivo Blai Roca. Os seus lanzadores foron Blanqué e Zanón e ambos estiveron de vacío ó chegar o descanso. O Liceo tamén tivo as súas, pero ademais de co meta Xus Fernández topouse varias veces co pau.
Conexión coruñesa e unha directa decisiva
Os de verde e branco melloraron aínda máis tralo comezo da segunda parte e non tardaron en que o marcador así o mostrara. Apareceu a parella local formada por Dava Torres e César Carballeira para que o primeiro, a pase do segundo, perforara por fin a portería dos visitantes. Corría o minuto 31 cando apareceu o 1-0.
Os tres tantos liceístas chegaron na segunda metade
Aínda que o Caldes non se rendeu, o Liceo tiña o asunto onde quería. Aguantou as embestidas, esperou a que o rival se cargara de faltas e se dispuxo a lanzar a directa froito da décima. Alí non perdonou Arnau Xaus, que prácticamente sentenciou o partido cunha definición marca da casa (2-0). Fíxoo definitivamente Nil Cervera coa terceira diana.
Final e mente na Champions, que o xoves 16 levará ós coruñeses a Oliveira de Azeméis. Alí, ante o equipo local, estará en xogo unha praza na Final 8 polo título (20:30h de España). A OK Liga, pola súa parte, regresará o 25 de abril coa visita ó Lleida.
FICHA TÉCNICA
LICEO: Blai Roca; Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres, Nuno Paiva (quinteto inicial), Nil Cervera, Jacobo Copa, Bruno Saavedra, Fran Torres e Martín Rodríguez (meta suplente).
CALDES: Xus Fernández; Humberto Mendes, Marcos Blanqué, Marc Zanón, Adrià Ballart (quinteto inicial), Pau Cardona, Gerard Rovira, Lluc Vilà, Arnau Serra e Héctor Sánchez (meta suplente).
ÁRBITROS: Jordi Reverter e Lorenzo Bosch. Mostraron tarxeta amarela a Xus Fernández e azul a Humberto Mendes e Adrià Ballart, todos por parte do Caldes. No Liceo viron a azul Bruno Saavedra e Jacobo Copa.
GOLES: 1-0 (Dava Torres, min. 31). 2-0 (Arnau Xaus, min. 43). 3-0 (Nil Cervera, min. 49).
RECINTO E INCIDENCIAS: OK Liga 25/26, Xornada 24 da Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor.