16 de novembro de 2025
Imaxe: EVA PEDROLA.
O Liceo gaña no Ateneu, afiánzase na zona de privilexio e acumula tres triunfos seguidos contra rivais de magnitude.
O Liceo suma e segue independentemente da dificultade do camiño. A vitoria lograda ante o Noia no seu Ateneu oficializou a terceira seguida contra rivais nobres xuntando tódalas competicións. Primeiro Oliveirense, logo Reus e agora os da capital do cava para estabrecerse na segunda praza da OK Liga con 20 puntos; a falta de coñecer o resultado do encontro do Barcelona.
Este triunfo chegou ademais con remontada incluida. Tras uns minutos iniciais de puro tanteo, o primeiro golpe levou firma local debido a Xavi Aragonès. Un 1-0 parcial non sen polémica, xa que o seu remate excedía de forma clara a altura permitida.
Igual que no curso pasado
Tocou remar e, a pesar da azul que viu Fran Torres ós quince minutos de xogo, foi o mesmo arxentino quen provocou un penalti a posteriori chave. O disparo foi responsabilidade de Nil Cervera, hábil para empatar; pero ó descanso chegaríase con vitoria verdibranca grazas a un novo gol. O que anotou Dava Torres, aproveitando a inferioridade numérica que sufría entón o Noia por unha azul a Pablo Nájera. O guion era o mesmo que o do triunfo no Ateneu do curso 24/25: derrota e volta para acabar sumando de tres.



Xestión e sentenza
Claro está, había que defender ese 1-2 con uñas e dentes. Máis que por botarse atrás, os homes comandados por Juan Copa conseguiron xestionar de forma óptima esa vantaxe alongando posesións e confiando no bo facer de Blai Roca cando facían falta os seus servizos.
O Noia acabou por acumular faltas e alcanzou a décima, oportunidade que colleu Arnau Xaus para marcar o 1-3. Algo que para nada era a sentenza. Restaban quince máis de xogo nos que os de Copa continuaron competindo con intelixencia. Final, boas novas e mente na proba de Champions na pista do Barcelos (xoves, 22:30h de España).
FICHA TÉCNICA
NOIA: Martí Zapater; Aleix Esteller, Toni Salvadó, Xavi Aragonès, David Gelmà (quinteto inicial), Jan Curtiellas, Xavi Costa, Pablo Nájera, Pau Andreu e Iker Jiménez (meta suplente).
LICEO: Blai Roca; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Jacobo Copa, Nuno Paiva, Fran Torres, Toni Pérez e Eloi Martínez (meta suplente).
ÁRBITROS: Luis Mier Sánchez e Jordi Reverter García. Ensinaron a tarxeta amarela a Carles Camps (corpo técnico do Noia), a Pablo Nájera (xogador do Noia) e a Blai Roca (Liceo). Tamén mostraron tarxeta azul ós locais Aleix Esteller e Pablo Nájera e ós liceístas César Carballeira, Fran Torres e Toni Pérez.
GOLES: 1-0 (Xavi Aragonès, min. 12). 1-1 (Nil Cervera de penalti, min. 20). 1-2 (Dava Torres, min. 24). 1-3 (Arnau Xaus, min. 36).
RECINTO E INCIDENCIAS: OK Liga 25/26, Xornada 9 da Fase Regular. Pavelló Olímpic de l’Ateneu (Sant Sadurní).

