16 de marzo de 2025
Imaxe: MANU BOUTUREIRA.
O Liceo vence con contundencia ó Alpicat para afianzar máis a segunda praza.
O regreso do Deportivo Liceo á acción da OK Liga foi inmellorable. Riazor viu unha exhibición ofensiva dun equipo que ante o Alpicat sumou tres novos puntos, útiles para reforzar a segunda posición da Fase Regular grazas ó tropezo do Reus Deportiu. Son agora catro de distancia cos cataláns (43 vs. 39) antes de afrontar unha semana de partido en mércores e domingo: Calafell e Noia respectivamente, este último de novo en Galicia.
O triunfo de hoxe chegou cun guion moi similar ó ocorrido na primeira volta, cun gol inicial do Alpicat que posteriormente remontou o Liceo. Para os visitantes anotou Joan Serret, hábil á hora de colar a bóla polo pau esquerdo de Martí Serra. Un comezo complicado ó que lle seguiu unha reacción impoluta.
Dez minutos de poderío
Varios intentos deberon deter a defensa e o porteiro do Alpicat antes de que Fabri Ciocale, nunha internada polo costado dereito, superara a Bosch. Ese foi o empate e o inicio do vendaval. A remontada só tardou dous minutos máis en chegar, cunha acción de Jacobo Copa que tamén mellorou a intervención do porteiro (2-1).



Déronlle a volta os de Juan Copa de xeito case instantáneo pero non se detiveron alí. Jaco disfrazou entón de asistente para que Bruno Saavedra, cun remate ó primeiro toque, lograra a terceira diana verdibranca. Faltaba Arnau Xaus, que aproveitou unha azul vista por Iago Vázquez para transformar a directa e lograr o 4-1 que chegou ó descanso.
Máis goles e un debut
Os 25 minutos de clausura non foron senón unha reafirmación do visto. Tres pasaron ata que Bruno, cun gran gol, aumentou todavía máis a distancia. Non sería a primeira nin a segunda vez que pasaría: o marcador chegou ó 8-1 antes de que se alcanzara a recta final de encontro. César, Jaco e Fabri foron os seus responsables, estes dous últimos para oficializar sendos dobletes.
Entre eles un debut: o do junior Jaime Méndez, con participación íntegra nos compases finais do compromiso. Un no que o Alpicat de Jordi Expósito, con dúas bólas paradas, maquillou o resultado. Finalmente foi un 8-3 con eses tantos postreiros de Jan Munné (penalti) e Iago Vázquez (directa). Nada que empañara un mediodía ideal.


FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Martí Serra; Nil Cervera, Arnau Xaus, César Carballeira, Dava Torres (quinteto inicial), Jacobo Copa, Fabri Ciocale, Bruno Saavedra, Jaime Méndez e Martín Rodríguez (meta suplente).
ALPICAT: Xavi Bosch; Miquel Serret, Iago Vázquez, Joan Serret, David Ballestero (quinteto inicial), Pol Besolí, Jan Munné, Mats Zilken, Uri Llenas e Ricard Casals (meta suplente).
ÁRBITROS: Iñigo López-Leitón e Ignacio Garmendia. Mostraron tarxeta azul ó visitante Iago Vázquez en dúas ocasións.
GOLES: 0-1 (Joan Serret, min. 5). 1-1 (Fabri Ciocale, min. 12). 2-1 (Jacobo Copa, min. 14). 3-1 (Bruno Saavedra, min. 16). 4-1 (Arnau Xaus, min. 19). 5-1 (Bruno Saavedra, min. 28). 6-1 (César Carballeira, min. 33). 7-1 (Jacobo Copa, min. 35). 8-1 (Fabri Ciocale, min. 36). 8-2 (Jan Munné de penalti, min. 47). 8-3 (Iago Vázquez, min. 48).
INCIDENCIAS: Xornada 20 da OK Liga 24/25, Fase Regular. Pazo dos Deportes de Riazor (A Coruña).

