CRÓNICA OK LIGA (X21) | Tres puntos e a respirar (4-2)

CRÓNICA OK LIGA (X21) | Tres puntos e a respirar (4-2)

Os respiros, mellor con tres puntos. Iso logrou o Deportivo Liceo tras superar en Riazor a un forte Alcoi e sumar outra vitoria na OK Liga. Finaliza así un maratón de cinco partidos en nove días que deixou ós homes dirixidos por Juan Copa en plena loita polo segundo posto doméstico (47 puntos), dependentes de si mesmos para meterse na Final 8 da Champions e subcampións da Copa do Rei.

Con Mati Bridge como meta titular dentro dun Liceo vestido de negro e dourado, o gol inicial tardou pouco en chegar. Pareceu non notarse o esforzo físico europeo de 48 horas antes. Logrouno Bruno Di Benedetto despois dunha xogada colectiva preciosa iniciada por Dava Torres, asistida por Àlex Rodríguez e rematada polo dorsal 3. De todos xeitos, a reacción rival non puido ser mellor.

O Alcoi, membro actualmente dos equipos que xogarían o playoff polo título, non se amedrentou e probou constantemente ó meta arxentino. Un sistema ofensivo atrevido atopou finalmente o tanto mediante Gonzalo Pérez (minuto 8), letal no pase da morte de Felipe Matías.

Na previa do partido, a RFEP entregou a César e a Juan Copa os premios a mellor xogador e adestrador de xaneiro. Imaxe: MANU BOUTUREIRA.

Rotacións productivas

Chegaron unha maior igualdade e o momento das rotacións. Ambas con bastante éxito. As liceístas estiveron protagonizadas por Sito Ricart, primeiro responsable dun remate ó longueiro de Marc Grau Vila e despois do propio 2-1. A acción foi iniciada por Fabri Ciocale, posteriormente detido pola defensa alcoiana, aínda que a bóla quedou solta para que o dorsal 2 a enviara á rede (minuto 14).

O Alcoi reaccionou de xeito óptimo ós dous tantos iniciais dos liceístas

Desafortunadamente, na mesma xogada seguinte igualou de novo o conxunto visitante. Os homes de Lorenzo Pastor conseguíronno grazas a Iván Morales, encargado de anotar tras unha xogada embarullada. Todo equiparado. Mereceu levalo ó descanso o Liceo, aínda así, con dous manos a mans errados de Sito e Àlex.

Golpe definitivo

Os merecementos trocaron en feitos durante os segundos 25 minutos. Primeiro avisou Fabri Ciocale cunha internada por costado dereito que rematou coa bóla no palo do meta. Polo flanco esquerdo intentouno outra vez Sito Ricart e logrouno. Marcou o 3-2 ó enganar a Grau e alzarse como un xogador chave do partido.

Un gran Sito Ricart adiantou por dúas veces ó Deportivo Liceo e foi chave na vitoria

A reacción do Alcoi xa non foi tan boa como a anterior. Máis desmoralizados, non foron capaces de aguantar as embestidas dun conxunto de Juan Copa que xa se convertira no señor do encontro. Rozaron o 4-2 tanto Dava como Arnau, pero o que o asinou foi Àlex Rodríguez (minuto 42). Aproveitou a falta directa froito dun cartón azul a Biel Pujadas, sancionado por derrubar a Fabri. Punto e final.

Triunfo, tres puntos e un merecido respiro. O hockey volverá o sábado 18 en Calafell, onde estará en xogo a segunda praza da OK Liga (19:30h).

FICHA TÉCNICA

DEPORTIVO LICEO: Mati Bridge; Bruno Di Benedetto, César Carballeira, Dava Torres, Àlex Rodríguez (quinteto inicial), Sito Ricart, Arnau Canal, Fabri Ciocale, Pol Manrubia e Martí Serra (meta suplente).

ALCOI: Marc Grau Vila; Ferran Formatjé, Franco Ceschin, Gonzalo Pérez, Felipe Matías (quinteto inicial), Iván Morales, Biel Pujadas, Marc Grau Blanquer, Agustín Domínguez e Joan Oltra (meta suplente).

ÁRBITROS: Daniel Villar Costa e Carlos Molines Ferrándiz. Mostraron cartón azul a Biel Pujadas por parte do Alcoi.

GOLES: 1-0 (Bruno Di Benedetto, min. 4). 1-1 (Gonzalo Pérez, min. 8). 2-1 (Sito Ricart, min. 14). 2-2 (Iván Morales, min. 14). 3-2 (Sito Ricart, min. 33). 4-2 (Àlex Rodríguez, min. 42).

OK Liga 22/23, Xornada 21. Palacio dos Deportes de Riazor (A Coruña).

Deixa un comentario